Nas dúas primeiras semanas de Agosto de 2006, Galicia viviu unha das peores vagas de incendios forestais da súa historia, e dicimos unha das peores pois por desgraza en Galicia estamos afeitos a vivir situacións como estas nos últimos decenios.
Este ano, preto de 90.000 hectáreas de terreo (que se suman ás queimadas durante os últimos anos) foron arrasadas polo lume, deixando un mar de cinzas e negrura por todo o territorio, pero especialmente nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Como era de esperar, AXENA non é allea a este grave problema medioambiental que estamos a vivir, que perxudica gravemente á flora, e tamén á fauna que ou ben morreu nos lumes, ou ben se tivo que desprazar do seu hábitat habitual.
Non queremos dende AXENA (porque cremos que non se debe) entrar no xogo de botar as culpas a uns ou a outros, e tampouco queremos politizar o grave problema que estamos a vivir. O que sí cremos é que debemos aprender do que acaba de ocorrer e que dunha vez por todas hai que comezar a tomar medidas intelixentes a tódolos niveis: nos plans de reforestación e recuperación do solo, nos plans de mantemento e coidado dos montes e, por último, nos plans de prevención e extinción de incendios.
Nesta sección iremos recollendo sucesivamente as nosas impresións, comentarios, estudos e microdocumentais sobre este tema que ó longo destes meses iremos preparando.