Quen somosBlogActividades de Educación AmbientalTecnoloxíaNaturezaDocumentaisMicrodocumentaisArtigos de opiniónColaboradoresEnlaces de interésFondos de escritorioZona privadaUtilidadesNovidades |
NA OSCURIDADE DAS AVELAIONAS¿Qué sería de nós, se non puideramos de vez en cando escoitar o ulular das avelaionas? Pois entre outras cousas as películas de medo no bosque ou dunha enmeigada e solitaria casa vella carecerían do uhh-uhh-uhh tan característico, e que tanto aporta á situación, por certo.
A avelaiona Strix aluco é a rapaz nocturna máis abundante xunto coa curuxa na nosa terra. É unha rapaz de mediano tamaño, duns 40 cm de lonxitude e aproximadamente un metro de envergadura. Aquí, o característico e que sexan de cor pardo moi raiadas de franxas escuras. Resulta moi doado recoñecer a súa presencia xa que resulta moi típica escoitala pola noite marcando o seu territorio, que por certo, ó contrario que o resto de nocturnas podeo facer incansablemente durante todo o ano.
É típica de bosques caducifolios, de árbores vellas que teñan algún oco no seu interior onde refuxiarse e facer un nido. Tamén se lles pode ver en casas vellas, nalgún oco entre as súas pedras, en parques con árbores vellos coma o de Castrelos, e o do Castro en Vigo. E tamén nalgún caso bastante estraño no faiado dalgunha casa.
De marzo a abril poñen de 2-4 ovos que incuba a femia durante uns 28 días, mentres é alimentada polo macho. Unha vez eclosionados os ovos, a femia segue cos poliños durante alomenos (se as condicións son favorables) uns 10 días máis. Despedaza as pezas capturadas polo macho para alimentar coidadosamente ós pequechos. A partir de aquí as crías xa son bastante grandes, e como normalmente os niños destes animais non soen ser moi grandes, a femia pasa cada vez máis tempo fóra do niño axudando ó macho a capturar presas para as cada vez máis famentas crías.
Os poliños nacen sen abrilos ollos, cun pouco plumón branco que nuns poucos días faise moi mesto, e que lles axudará a manterse quentes. Ós dez días o plumón branco, comeza a desaparecer e aparecen unhas bandas escuras, e pouco a pouco vai tornando a gris. Xa na cuarta semana de cría comezan a aparecer plumas nas ás e na cola. E pouco a pouco o plumón gris vai desaparecendo.
Os clips que temos colgados son da última semana de cría de tres poliños que teñen o seu niño a menos de 10 minutos andando da Facultade de Bioloxía de Vigo. O niño é de libro, tan típico que non se che ocorrería mirar nel, no medio dun vello carballo cheo de musgo hai un oco alongado e profundo ca abertura a pouco máis de metro e medio do chan.
No primeiro clip vese a tres poliños no niño, e sí, esas boliñas grises son polos, e están apretados contra si para darse quentura na friura da noite.
Chegou a hora de cear, un dos pais pousa na parte de arriba do carballo, ese sonido tan familiar para os poliños, só pode significar unha cousa. Traen comida!. E efectivamente, uns segundos despois entra un dos pais, deixándolles unha deliciosa rá.
Coma apreciaredes, ca emoción do momento, esta tragando a presa ó revés, empezou polas patas e agora tropézanlle na gorxa, e non é capaz de tragala enteira. Ten que aprender a que as presas cómense comezando pola cabeza.
O final do período de cría ven determinada polo estímulo dos pais para que saian do niño. Este incentivo básase fundamentalmente (coma en outras rapaces) en reducir significativamente as presas que lles levan. Así as crías acuciadas pola fame, comezan a rubir polas paredes do oco, axudándose das ás, das garras e máis do pico. Ata alcanzar o exterior.
Estas imaxes son incribles, estamos vendo que é o que ocorre cando unha avelaiona mira por primeira vez o mundo. Ese movemento circular da cabeza, significa que están emocionadísimas porque algo lles chama a atención. E non é para menos. Despois dun rato decídese finalmente a dar o gran salto. Cando o vimos, chamounos moitísimo a atención a forza e decisión co que o fixo, calquera diría que acaba de saír do niño.
As avelaionas poñen un ovo cada dous días, empezando a incubalo primeiro nada máis poñelo. Así hai diferencias apreciables entre os irmáns. O primeiro xa saltou, e o irmán do medio quere seguilos seus pasos. Así que encarámase ó exterior do niño. E xa alí parecelle que lle falta o poder de decisión do seu irmán maior, e non se decide a dalo salto.
Se queredes ver mais sobre este tema, fixemos un corto documental que está colgado no apartado Documentais desta web.
|