Pagina en Castellano Páxina en Galego Page in English Deutsch
AXENA
Asociación Xuvenil para o Estudio da Natureza
Contacto | Aviso legal
              
As chascas da congostra
 
            Moitas veces ocorre que ó lado da casa suceden cousas marabillosas, como é o caso destas chascas que criaron no areal da Corna (non sabemos durante canto tempo estará libre de edificacións nesta orxía especuladora na que nos atopamos). Así unha saída que ía ser “light” (termo que utilizamos para dicir que facemos unha saída sen complicacións e que estamos de volta nun instante. Non fai falla dicir que soe pasar todo o contrario) converteuse en filmar por doquier un sinfín de paxariños que andaban coas hormonas revolucionadas.
 
            Nunha das leiras nas que estabamos, observamos ó lonxe coma unha chasca levaba algo no peteiro (síntoma inequívoco de que ía cara ó niño para darlle de comer ás súas crías), pousaba nun fiuncho e facía un picado cara a parede dunha congostra que nós non viamos.
 
            A chasca Saxiquola torquata é un paxariño moi abondoso nas leiras, matogueiras e terreos abertos en xeral da nosa terra. Fai un chasquido moi característico algo así coma un chac-chac-chac. O macho ten a cabeza negra, cun collar branco moi chamativo, as súas costas son escuras e o peito ten cores alaranxadas con moteado escuro. A femia é parecida pero posúe cores máis claras, moito menos chamativas co macho.
            Pódese ver durante todo o ano, pousada nas herbiñas das leiras, e tende por seguro que cando oiades chascar a un da parella fixádevos ó voso redor porque o outro non ha de estar lonxe.
 
            Os niños soennos facer entre as herbiñas na beira dun camiño ou dunha congostra, no muro do redor dunha leira e están tan ben camuflados que ata que estás rozando a herba da leira enriba del non te das conta. Iso pásalle a moita xente que che comenta: Hoxe estaba limpando a leira e encontrín un niño moi pequerrecho do que saíu un paxariño! E tiña uns oviños moi bonitos.
 
-E de qué cor eran os ovos?
-Pois eran azuis ou verdes con puntiños escuros.
 
            Xa está un niño de chasca! Coma tódolos túrdidos (pertencen á familia Turdidade) os ovos teñen unhas cores moi chamativas que van dende o azul ó verde esmeralda.
 
           
                                          

 

©2006 - AXENA